Monday 06 de May de 2024

A campaña de promoción turística ‘Quero Galicia’ supera os 100 millóns de visualizacións en televisión e os 10 millóns de contactos en prensa escrita


Nas contas das redes sociais de Turismo de Galicia o alcance dos contidos desta acción de promoción supera os dous millóns de persoas

Logo de dez días en activo, os anuncios de televisión da campaña de promoción do turismo de Galicia para este verán xa superaron a cifra das 100 millóns de visualizacións nas principais cadeas españolas e os contactos publicitarios en prensa escrita xa están por riba dos 10 millóns. Ademais, no ámbito dixital, esta acción publicitaria de Turismo de Galicia superou xa os 12 millóns de impresións.

A campaña ‘Quero Galicia’, presentada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o pasado 20 de xuño, entra hoxe na súa segunda fase, na que está previsto que se sirvan 74 millóns de impresións nos principais medios dixitais especializados en viaxes de España, Portugal, Francia, Gran Bretaña, Alemaña, Italia e os Estados Unidos.

Por outra parte, o balance da difusión da campaña nas contas das redes sociais de Turismo de Galicia ao longo dos últimos dez días apunta a un alcance de preto de dous millóns de usuarios.

Viralidade
Neste ámbito, as pezas audiovisuais da promoción publicitaria ‘Quero Galicia’ convertéronse en virais o mesmo día da súa primeira emisión. Así, de xeito orgánico, os vídeos xa teñen máis de 815.000 visionados, con preto de 9.500 aprobacións e foron compartidos 16.242 veces, o que fai desta acción unha das máis exitosas de Turismo de Galicia nas redes sociais.

O turismo da Comunidade galega está a ser nestes días un dos mellor promovidos no eido do territorio español pois a campaña publicitaria ‘Quero Galicia’ ten presenza nos principais medios de comunicación do Estado, cunha cobertura que supera o 80% da poboación española.

Dese xeito, as creatividades desta acción de promoción están presentes nas principais televisións comerciais de España, radios, xornais e suplementos, revistas especializadas e medios dixitais.

Ademais, Turismo de Galicia ten presenza no principal e máis notorio circuíto de publicidade exterior na cidade de Madrid, con 101 anuncios distribuídos polas principias rúas madrileñas.Turismo de Galicia tamén rotulará dous autobuses de longo percorrido coa creatividade desta campaña que promoverán a visita a Galicia.